diumenge, 2 de novembre de 2008

Examinando as sociedades multilingües

BASTARDAS I BOADA, Albert (2007): Polítiques de la llengua i la identitat a l’era glocal. Barcelona: Institut d’Estudis Autonòmics (Generalitat de Catalunya), 159 páxinas.

A concepción do mundo como unha realidade en perpetua emerxencia e dinamismo, na que os cambios se suceden ao ritmo incesante da globalización tecnoeconómica, das novas alianzas políticas supraestatais e mais dos novos fluxos migratorios, está na base de numerosos traballos que ven no presente a necesidade improrrogábel de reorganizar linguisticamente e identitariamente a humanidade. Este é o punto de partida do presente estudo, no que Bastardas se propón reexaminar criticamente os principios clásicos de organización das sociedades multilingües co obxectivo de contrubuír, dende unha perspectiva estritamente realista, a definir as políticas máis axeitadas para facer fronte aos cambios da nova sociedade glocal.

É neste marco –e ante a evidencia de que o inglés está a se converter, de facto, na verdadeira lingua franca da humanidade– que Bastardas avoga por deixar atrás as posturas identitarias –o medo á asimilación– e se amosa partidario de adoptar sen vacilacións unha única interlingua para a poboación mundial. Diante de hipotéticas tentacións homoxeneizadoras, porén, Bastardas propón un proceso de converxencia escrupulosamente respectuoso coa diversidade lingüística: en primeiro lugar, cómpre que as unións políticas ou económicas implicadas oficialicen un recoñecemento igualitario de todas as linguas internas, nun exercicio de dignificación real e simbólica; en segundo lugar, cómpre asegurar a intercomunicabilidade a través dunha interlingua común, bilingüizando a poboación que posúe outra lingua primeira; e, finalmente, cómpre blindar a sostenibilidade dos diferentes grupos lingüísticos asegurándolles unha exclusividade de funcións dabondo ampla nos respectivos ámbitos internos, de xeito que os sociosignificados vencellados á lingua propia non queden afectados.

Bastardas salienta, xa que logo, dous principios fundamentais neste ensaio: o da poliglotización e mais o da subsidiariedade funcional –aos cales cómpre engadirlles o principio de integración adaptativa das novas masas inmigrantes–, co interese explícito de desdicotomizar a sociedade e favorecer o nacemento dunha pluralidade concéntrica de linguas e identidades superpostas que permita avanzar cara ao que el designa a “identidade planetaria común”.

Agora ben, esta realidade non vai ser factíbel até que se minimicen as reclamacións das chamadas identidades de resistencia, e para que iso aconteza cómpre que estas se sintan cómodas nos respectivos marcos políticos. Esta é a razón pola cal Bastardas reclama medidas como o reequilibrio compensatorio de funcións entre catalán e castelán en Cataluña ou a importación do modelo lingüístico da Unión Europea ao Estado español, de xeito que, ademais de termos unha interlingua común para todos os cidadáns –o castelán–, o resto de linguas do Estado sexan tamén oficiais no conxunto do territorio.

Estas son, xa que logo, algunhas das propostas que o lector inquedo vai atopar nesta reflexión serena e afastada de posicións esencialmente identitarias, pero plenamente consciente, asemade, da importancia dos capitais lingüísticos para a maioría de sociedades desta nova era glocal.