diumenge, 22 de juny de 2008

Cando a ciencia deixa de selo

a
SOLÉ I CAMARDONS, Jordi (2007): La llengua que ens va parir. Set pensadors a la recerca del català. Barcelona: Dux, 151 páx.

Con La llengua que ens va parir (A lingua que nos pariu), Solé i Camardons proponse examinar o pensamento sociolingüístico de oito personalidades catalás do século XX cun obxectivo explícito: recoller algunhas das súas “ideas ecoidiomáticas que nos axuden a entender a realidade e a atopar propostas de actuación no eido do fomento do emprego da lingua catalá para o século XXI”. A escolla dos persoeiros analizados non é ao chou: por unha banda, Solé reivindica a figura de dous pensadores “malditos ou inxustamente esquecidos” pola sociolingüística catalá: Josep Armengou e mais Carles M. Espinalt; por outra banda, repara nalgunhas das figuras capitais do pensamento catalán contemporáneo, dende Josep Yxart até Joan Fuster, pasando por Joaquim Casas-Carbó, Carles Riba, Ferran Soldevila e Jaume Vicens Vives.

Esta interesante formulación inicial dá paso, porén, a unha morea de contradicións inxustificábeis, que levan a cuestionar tanto a selección dos protagonistas como a propia coherencia do discurso de Solé. Custa, por exemplo, entender o encaixe de Vicens Vives no conxunto, máis aínda cando o autor admite, nunha crítica aceda, que o inclúe “malia non interesarse pola lingua nin facer formulación sociolingüística ningunha”. Este afán de expansión subxectiva lévao a contradicirse de novo cando, despois de advertir do perigo que entraña facer unha lectura decontextualizada dos autores –nun intento de xustificar a produción en lingua castelá de Josep Yxart–, lles espeta aos intelectuais da Renaixença un xuízo condenatorio por ter renunciado a vencellar nos seus discursos independencia lingüística e independencia política.

As contradicións da obra agrávanse, ademais, na medida en que Solé se fai eco dunhas opinións ateigadas de prexuízos de dubidosa cabida nun ensaio pretendidamente científico. Da seguinte pasaxe, asinada por Josep Armengou, di que é “o discurso da responsabilidade, do siso ben entendido”: “só os snobs, para facer o merda, poden desertar da nosa democrática lingua e adoptar a lingua feudal, inquisitorial, retórica e ordenancista dos casteláns”. Unha saída de ton que complementa á perfección o acientificismo de Carles M. Espinalt, segundo o cal a falla de distinción entre os conceptos sono e soño da lingua castelá débese ao feito de que “non resulta doado para a idiosincrasia dos casteláns diferenciar entre realidade e soño”; uns casteláns que, de todos os xeitos, “nunca expresan nada sustancioso, pero sempre fan efecto”.

Por un lado, pois, o libro comprácese no descrédito gratuíto da cultura veciña; polo outro, convértese nun caixón de xastre no que o autor non aforra críticas á actual situación política do país –por exemplo, á “miserábel negociación” do novo Estatuto de Catalunya ou á renovación do catalanismo levada a cabo por ERC–, nun incansábel exercicio confusionista para o lector. As conclusións tampouco responden exactamente ás expectativas iniciais: constitúen máis ben unha crítica directa a un dos autores de La rectificació (2006), o “Jiménez Losantos da sociolingüística catalá”, que serve de pretexto para enumerar –sen contribucións persoais novidosas– algúns dos argumentos da sociolingüística militante.

A obra péchase, finalmente, con tres apartados complementarios: unha concesión á literatura de ficción –a outra disciplina que cultiva Solé–, na cal os devanditos pensadores erguen a cabeza do cadaleito e ollan a situación da lingua en pleno século XXI; un mirrado comentario sobre o pensamento lingüístico de Prat de la Riba; e mais un apéndice no que se pretende facer un compendio do pensamento catalán sobre a lingua dende Ramon Llull até os nosos días. Todo un exemplo de como empregar o calzador nun traballo que nin sequera evita os erros estritamente formais: así, Casas-Carbó aparece tamén como Cases-Carbó e como Casas i Carbó, e o lector desespérase buscando na bibliografía as referencias das obras de Bernat Joan que aparecen mencionadas no texto. Non se esforcen: seica é outra mostra de heterodoxia por parte do autor.